SOMOS UNHA EXPERIENCIA

En agosto de 2021 os amigos e veciños do músico sarriao Matias Moreno, organizaron un concerto de homenaxe tras o seu pasamento, no que participaron a maioría dos músicos da localidade. O éxito do acto animou ao concello a prolongar a experiencia nun festival. Así naceu o Sarria Blues no Camiño, unha cita de catro días coa música afroamericana en plena Ruta Xacobea,para ofrecer un punto de encontro de estilos e públicos diversos, e á vez converterse nun escaparate da vida cultural, social e económica da nosa vila.

O mito do crossroad, o cruzamento de camiños do blues, instálase no quilómetro 111 do Camiño de Santiago, nun festival no que conflúe a música creada polos descendentes dos escravos africanos en Estados Unidos na suua longa marcha cara á liberdade, co carreiro marcado pola Vía Láctea co que os peregrinos forxaron durante séculos a idea de Europa.

Unha vez ao ano, no primeiro fin de semana de agosto, o blues, o rhythm and blues, o rock & roll, o soul e o resto de músicas de raíz afroamericana, enchen as nosas rúas de ritmo, cultura e diversión, con catro días de concertos, documentais, presentacións de libros, pasarrúas e espectáculos culturais, dirixidos a todo tipo de públicos, de calquera idade e procedencia, nunha experiencia tan integradora como a propia ruta milenaria que marcan as estrelas até o mítico Fisterra.

na nosa memoria Matías Moreno

Matías Moreno, un dos nosos no máis profundo sentido da palabra, foi o protagonista da homenaxe que os seus amigos fixémoslle o 20 de agosto de 2021. A solidariedade de músicos, amigos e veciños fixo posible que aquela xornada fose un éxito e que o concello quixese prolongala no tempo. Coñecedores da afección á música afroamericana dalgún de nós, encargáronnos organizar este festival, a primeira edición do Sarria & Blues no Camiño, co que queremos seguir celebrando a vida. Esta vez será na primeira fin de semana de agosto, a mesma data na que, desde as súas orixes, o antigo Club de Montaña Teixo celebrou a súa festa anual en Ferramulín, O Courel. Hoxe Teixo é un sentimento indisoluble, aínda que nos adaptamos ao noso propio tempo e reconvertémonos/reconvertémosnos en algo máis pausado, visitando a montaña menos do que debésemos, pero no fondo seguir seguimos sendo os mesmos.

¿QUERES SABER MÁIS?

Suscríbete o noso boletín